iBeeTel Solutions, un dos proxectos gañadores na cuarta edición dos Premios INCUVI-Emprende da UVigo, vén de facer balance da súa experiencia nesta iniciativa e, tamén, da súa propia andaina como iniciativa emprendedora e innovadora no mercado. O motivo deste balance é a apertura da convocatoria 2016 dos galardóns. Para os responsábeis de iBeeTel Solutions (firma emprazada no niño 28 da Tecnópole de Ourense), a participación nos ditos premios foi ante todo “moi positiva”, e máis tendo en conta que resultou ser un impulso para a posta en marcha do seu plan empresarial e para a preparación (arestora) do seu primeiro produto de mercado, un Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola destinado a produtores. Falamos de iBeeAgro, unha solución para a agricultura de precisión que ofrece aos produtores controlar, desde calquera dispositivo con acceso a Internet, o estado actual e futuro dos seus cultivos.
Amais do devandito, iBeeAgro permítelles realizar unha xestión integral, baseándose en datos obxectivos recompilados da explotación en tempo real.
Lembrar que detrás de IbeeTel atópanse Sergio Eiriz, egresado da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación do campus de Vigo; David Losada, da Escola Superior de Enxeñaría Informática, do campus de Ourense, e Javier Pesado, da Escola de Enxeñaría Industrial, tamén do campus de Vigo. Segundo fan saber, “nos meses transcorridos desde a concesión do galardón, acadamos o noso obxectivo tecnolóxico de desenvolver o Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola, que permite aos produtores optimizar a produción”. A ferramenta, engaden, está formada por unha estación agroclimática chamada iBeeAgro Station, un dispositivo electrónico deseñado, desenvolvido e fabricado por eles que mide de maneira automática diferentes parámetros climáticos de planta e de solo e que envía os datos a unha plataforma software de supervisión na nube chamada iBeeAgro Tool. Esta plataforma, din, “constitúe a segunda das partes da ferramenta e permite aos produtores agrícolas tarefas como supervisar o estado actual do seu cultivo, coñecer os riscos de padecer enfermidades ou obter predicións meteorolóxicas locais, realizando unha xestión integral da súa explotación, con funcionalidades como o caderno de campo”.
Na actualidade, sinalan os emprendedores da Universidade de Vigo, “estamos pendentes da certificación CE das estacións agroclimáticas, paso previo necesario para a súa comercialización como parte do Sistema de Supervisión e Xestión Integral Agrícola, iBeeAgro”. E engaden: “A nosa visión é a de chegarmos a ser referentes no desenvolvemento de solucións de seguimento e control orientadas á sustentabilidade, eficiencia e calidade, para todos os sectores e, especialmente para o sector agrícola”. Con este obxectivo, achegan servizos de enxeñaría hardware (especificacións, deseño, desenvolvemento, prototipado, probas, fabricación externalizada e mantemento de dispositivos electrónicos sen fíos orientados a solucións de seguimento e control remoto), e de enxeñaría software (análise, deseño, desenvolvemento, probas, produción e mantemento de plataformas cloud para monitorización e control remoto e plataformas cloud ERP).

Fuente: codigocero.com